O Plan Único da Deputación destina 7 M€ para reforzar os programas sociais dos concellos

1 minutes read

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o Fondo Social do Plan Único, que destina 7 millóns de euros para financiar os gastos sociais dos concellos da provincia durante o ano 2022 .

Ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), reforzo da plantilla de persoal nas áreas sociais dos concellos, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral, adquisición de EPIs e outro material para atención social ou axudas directas ás familias máis vulnerables que están sufrindo especialmente os efectos desta crise son algúns dos programas municipais que contarán co apoio da Deputación a través do Fondo Social do Plan Único.

Nos últimos dous anos, a Deputación realizou a maior aposta social da súa historia, reforzando todos os seus programas sociais para facer fronte ás consecuencias da pandemia e aos seus efectos económicos entre os colectivos máis vulnerables e as familias con menos recursos.

Entre 2021 e 2022, o Plan Único leva investido 21 millóns de euros para reforzar os programas sociais dos concellos da provincia e incrementáronse tamén programas como o de servizos sociais comunitarios, que en 2022 alcanza os 8,3 millóns de euros de orzamento, o que permitirá contratar a 177 especialistas no ámbito social nos concellos e financiar preto de 387.000 horas de axuda no fogar, 100.000 máis que antes da pandemia. Tamén se reforzaron servizos como o da Teleasistencia, esencial para as persoas maiores que viven soas, que conta xa con preto de 3.000 usuarios e usuarias activos.