Zas | O Plan Único da Deputación destina 88.257 € para o saneamento da parroquia de Muíño

1 minutes read

O programa provincial financia o 100 % do custo total da iniciativa, que proxecta unha rede de saneamento aos núcleos de Pedrapadreiro, Marán e Campos, no concello de Zas. Así como a creación dunha rede de sumidoiros nos lugares mencionados mediante a execución de colectores de PVC.

As obras permitirán instalar 1.468 metros de canalizacións de PVC e 26 pozos de rexistro. Así mesmo, executaranse 25 acometidas domiciliarias correspondentes á rede de augas residuais, que se conectarán ao pozo correspondente para a súa correcta evacuación.

Para levar a cabo ditas tarefas será preciso demoler o firme existente e posteriormente repoñelo. Tamén se acondicionarán outros espazos afectados pola nova infraestrutura. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de dous meses desde o inicio das obras.

Estas actuacións permitirán dar servizo a, practicamente, todas as vivendas da zona, que na actualidade empregaban pozos negros ou fosas sépticas. Deste xeito, a nova instalación contribuirá a eliminar os vertidos incontrolados a canles públicas, como podía ser o da rede de pluviais do lugar de Marán.