O Plan Único da Deputación da Coruña financia con 107.992 euros as tarefas de conservación, mantemento e recuperación da ruta fluvial do Rego dos Muíños, no concello de Cabana de Bergantiños. As obras, en fase de licitación, facilitarán o acceso pola senda que transita por ambas marxes da ruta e constitúen unha aposta por un dos recursos turísticos e medioambientais máis importantes do municipio.
A zona na que se actuará atópase na parroquia de Canduas e é visitada de forma frecuente por excursións de todo tipo, que se achegan a coñecer a riqueza natural da contorna, principal atractivo desta área recreativa. Por este motivo, e por criterios medioambientais, faise necesaria a actuación na contorna, co fin de acondicionar o espazo afectado polas subidas do río ao longo dos anos e polas inclemencias meteorolóxicas da borrasca Karim.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia do Plan Único para apoiar aos concellos da provincia no financiamento de investimentos coma este, «que supón a recuperación e mellora dun espazo natural de referencia en Cabana de Bergantiños» e que «contribuirá tamén a mellorar a estética e a accesibilidade da zona con camiños e pasarelas peonís seguras».
As obras conta cun prazo de execución de cinco meses e as empresas interesadas en presentar propostas poderán facelo ata o vindeiro 14 de marzo.