O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para «mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise sanitaria e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia». Concellos coma Ortigueira, Fene, Monfero, Narón ou As Pontes destinan gran parte do Fondo Social do Plan Único a reforzar os servizos de axuda no fogar. Mentres, outros como Cedeira ou Ferrol o empregan para incrementar o persoal municipal da área de servizos sociais ou, no caso por exemplo de Valdoviño, tamén centran boa parte do presuposto en programas que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar. O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.