O Plan Único da Deputación inviste este ano 17,5 millóns nos concellos da comarca da Coruña

1 minutes read

O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para «mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise sanitaria e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia». Serán 17,5 millóns, dos que preto de 3 se destinan a financiar gastos sociais nos municipios co obxectivo de paliar os efectos da pandemia e protexer aos colectivos máis vulnerables.

Concellos coma Sada ou Cambre destinan boa parte do Fondo Social do Plan Único a axudas sociais para os seus veciños, Bergondo financia unha nova liña de axudas para o pago do contrato de alugueiro ou dun préstamo hipotecario da súa vivenda habitual. Outros coma Oleiros, Arteixo ou Abegondo destinan a maior parte dos fondos a reforzar os servizos de axuda no fogar, mentres que na cidade da Coruña diríxese a sufragar o servizo de atención inmediata a persoas sen fogar.

Ademáis dentro do plan, 19 concellos da comarca executarán un total de 50 obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.