O Plan Único investiu 252 millóns de euros e financiou case 1.300 obras nos concellos da comarca de Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron este xoves o Concello de Ordes, onde foron recibidos polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, e polos portavoces dos grupos municipais da corporación. No salón de plenos mantiveron un encontro institucional no que explicaron a importancia e fixeron balance do impacto do Plan Único (POS+) nos concellos da comarca de Santiago.

Durante a reunión, Formoso destacou que o Plan Único consolidouse como «a principal ferramenta inversora da Deputación nos concellos» e subliñou que o modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos provinciais, tanto para executar obras como para reforzar servizos municipais ou impulsar programas sociais.

O presidente provincial salientou que a primeira achega do POS+2026 supón unha inxección de 25,3 millóns de euros para os concellos da comarca de Santiago, incluindo «investimentos que permiten mellorar infraestruturas básicas, renovar servizos municipais e atender necesidades sociais, pero tamén de garantir o funcionamento diario dos concellos e a calidade de vida da veciñanza», afirmou.

Formoso lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e sinalou que só a través do Plan Único, a Deputación investiu o pasado 138 millóns nos concellos da provincia da Coruña, 20 millóns que a Xunta de Galicia nos 313 concellos galegos a través do Fondo de Cooperación Local.

Por iso, reclamou á administración autonómica que incremente este fondo ata acadar un mínimo de 200 millóns de euros para reforzar a capacidade financeira dos municipios. «Estamos pasando un momento económico difícil para os concellos. O incremento do custe dos servizos é importante e creo que todos temos que facer un esforzo neste ámbito», subliñou o presidente, que afirmou que isto é visible en que os concellos destinan cada vez unha maior parte dos fondos do POS+ a gasto corrente: «os alcaldes e alcaldesas, que teñen a aspiración de dedicar o 100% dos fondos do POS a investimentos tanxibles como beirarrúas, unha humanización, unha escola infantil ou unha biblioteca teñen cada vez menos marxe para facer iso e teñen que adicar máis a gasto corrente. Esa é a fotografía na maioría dos concellos da provincia», afirmou.

O presidente destacou tamén que o impacto do Plan Único na comarca é xa moi significativo. Desde a súa posta en marcha, mobilizou máis de 252,2 millóns de euros e permitiu executar 1.294 obras nos municipios da comarca de Santiago, converténdose nunha ferramenta clave para o desenvolvemento local e a mellora dos servizos públicos municipais.

Ordes recibiu máis de 15,4 millóns de euros do Plan Único


Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, destacou que o POS+ ten unha gran importancia para concellos de diferentes tamaños e permite atender necesidades moi diversas. «A creación do Plan Único foi un cambio de paradigma e da forma de entender a colaboración municipal. É un plan que aposta pola autonomía municipal e que sabe adaptarse ás necesidades concretas de cada concello», apuntou.

«Ademáis das obras, o Plan Único permite financiar gasto corrente nun momento no que os concellos estamos ao límite e sobre todo os máis pequenos. Porque é un plan moi importante para todos os concellos pero seguramente concellos como Frades ou Dodro sexa unha ferramenta proporcionalmente máis importante, que marque máis a diferencia», sinalou Cristina García.

«Cremos que é a mellor forma de colaborar cos concellos e nesa liña imos a seguir traballando desde o goberno provincial», afirmou a deputada de Plans

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradeceu a visita institucional e destacou a importancia do Plan Único para o desenvolvemento do municipio, subliñando que estas achegas permiten acometer actuacións fundamentais para mellorar os servizos e infraestruturas locais, «nun concello como o noso, cabeceira de comarca». O alcalde solicitou que se activen os convenios para a senda de Poulo e a mellora das vías prinicipais, como a rúa do Recreo.

No caso concreto de Ordes, o municipio recibirá 1.483.889,46 euros no POS+2026. Desde a creación do plan en 2017, o investimento acumulado da Deputación neste concello ascende xa a 15.418.176,34 euros, que permitiron financiar 54 obras no municipio, que contribuíron nos últimos anos á modernización das infraestruturas e á mellora da calidade de vida da veciñanza.

Tras a reunión institucional no Concello, o presidente da Deputación, a deputada de Plans e o alcalde visitaron unha das actuacións executadas no municipio con cargo ao Plan Único: a humanización da rúa Mirón, cun invistimento de 97.802,94 euros, que incluíu a renovación do pavimento e das beirarrúas, a mellora das redes de servizos e a instalación de nova sinalización e elementos de protección para os peóns.

Ambas actuacións forman parte das 54 obras executadas no municipio de Ordes con fondos do Plan Único da Deputación, que contribuíron nos últimos anos á modernización das infraestruturas e á mellora da calidade de vida da veciñanza.

Related posts

A Deputación da Coruña entregou os V Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais

Outes contará cunha nova residencia para persoas con discapacidade

Belén do Campo pon en valor as casas do maior nunha visita ao Val do Dubra