O Plan Xeral de Vigo, en información pública ata o 18 de xaneiro


Pese a que a normativa marca dous meses, o Concello decidiu ampliar o período de exposición pública e presentación de alegacións ata os tres meses. O Diario Oficial de Galicia publicou este venres o anuncio de aprobación inicial do Plan Xeral, abrindo o prazo oficial: desde este luns, 18 de outubro, ata o próximo 18 de xaneiro, ambos incluídos.

“Queremos que a consulta se realice con sosego, con tranquilidade”, afirmou este venres o alcalde, quen recordou que o Concello que preside vén de abrir unha oficina nos baixos do Auditorio Mar de Vigo, na Avenida de Beiramar, cunha copia do documento en papel e doce ordenadores dispoñibles. Con cita previa, tamén é posible resolver as dúbidas e obter asesoramento personalizado por parte dun técnico de Urbanismo. Existen dúas vías para solicitala: a través da web citaprevia.vigo.org ou no número de teléfono 986 616 388 (en horario de oficina, de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas).

O novo PXOM tamén está colgado na web municipal e as Asociacións de Veciños dispoñen de planos coa ordenación detallada de cadansúa parroquia. Abel Caballero puxo en valor “unha exposición pública con transparencia para que todo o mundo coñeza ben o Plan”. As alegacións poden tramitarse de forma telemática, en calquera rexistro oficial e tamén na propia sede municipal da Avenida de Beiramar, onde o Concello habilitou un rexistro auxiliar.