O pleno da Deputación aproba un expediente de modificación de créditos de 10,5 M€

1 minutes read

O pleno da Deputación da Coruña deu luz verde, por unanimidade de todas as forzas políticas, ao cuarto expediente de modificación de créditos de 2020 por importe de algo máis de 10,5 millóns euros, que inclúe a consignación orzamentaria para importantes investimentos na provincia.

Entre eles, destaca unha partida de 500.000 euros para financiar a primeira fase das obras de reforma das gradas do estadio municipal da Malata, en Ferrol, e outra de 378.000 euros para as obras de canalización do río Maior de Sada, evitando inundacións no lugar, que será financiada con achegas do mesmo importe por parte do Concello de Sada e a Xunta de Galicia.

Unha parte importante dos fondos aprobados terán como destino a creación de emprego. En concreto, 3 millóns de euros que se destinarán a duplicar o investimento do programa PEL-Concellos, co obxectivo de conseguir a creación de preto de 1.000 empregos nos municipios coruñeses nun ano marcado pola fonda crise económica ocasionada pola pandemia da Covid-19.

No eido social e laboral, a Deputación reserva 90.000 euros para financiar o servizo de intermediación laboral de COGAMI, destinado a crear emprego entre as persoas con diversidade funcional.

O apartado de infraestruturas contará cunha importante inxección económica. 3,2 millóns de euros dos fondos aprobados neste pleno, destinaranse a ampliar e mellorar estradas provinciais, travesías e construción de novas sendas peonís na provincia.

Pleno telemático da Deputación da Coruña, celebrado este venres.