O Pleno da Deputación pide accións urxentes fronte ao desmantelamento industrial

2 minutes read

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres distintas mocións presentadas por PSOE, BNG e Marea Atlántica urxindo á Xunta e ao Goberno central a actuar fronte ao desmantelamento industrial da provincia e en concreto das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Ante a dramática situación pola que está a atravesar a industria, a Deputación demanda ás administracións autonómica e estatal a creación urxente dunha mesa de traballo para a reindustrialización e reactivación económica destas tres comarcas afectadas, a través dunha moción impulsada polo PSdeG-PSOE que contou co apoio de PP, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e a abstención do BNG, que entende que «o que se precisa é actuar xa».

A moción de Marea Atlántica, que incorpora unha emenda do PSOE e foi apoiada por unanimidade de todos os grupos políticos, refírese ao ámbito provincial e demanda a elaboración dun Plan de Reactivación Económica. O texto propón ao Foro Económico e Social, presidido pola Deputación da Coruña e formado por representantes da patroal, sindicatos e universidades que na reunión constitutiva se acorde crear unha mesa conxunta con Goberno estatal e autonómico para realizar unha análise da situación económica de cara a ese Plan de Reactivación.

A moción do BNG, aprobada tamén por unanimidade, insta tamén a presentar un plan de desenvolvemento económico para as tres comarcas, co fin de garantir o traballo para as vindeiras xeracións.

Ante a desfeita industrial que están a sufrir as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a Deputación solicita á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a toma urxente de todas as medidas precisas para evitar o peche da planta de Siemens Gamesa, aproveitando todas as oportunidades que ofrecen os plans de Transición Enerxética da Unión Europea. Á súa vez, esixe que ambas administracións leven a cabo unha auditoría das axudas públicas das que se beneficiou esta empresa nos últimos anos, e se esixan todas as responsabilidades oportunas, de consumarse a anunciada decisión de peche.

Por outra banda, o ente provincial demanda toda a implicación de Goberno e Xunta para garantir o futuro de Endesa-As Pontes e insta á compañía a garantir os postos de traballo dos traballadores da plantilla principal, empresas auxiliares e transportistas.

Á súa vez, insta o pleno provincial ao Ministerio de Defensa e a Navantia Ferrol a construción dun buque-ponte para dar carga de traballo aos estaleiros e evitar máis recortes nos postos de traballo, que xa se achegan a preto de 2.000.

O pleno da Deputación solicita tamén que as subastas sobre renovables que se poñan en marcha no futuro, se vinculen ao desenvolvemento ou mantemento de proxectos industriais localizados en Galicia.

Por último, a institución provincial amosa o seu apoio á folga xeral convocada para o 25 de febreiro e ás mobilizacións promovidas polas centrais sindicais en defensa dos postos de traballo.