- O alcalde anunciou bonificacións para familias numerosas e reducións do 10 % nos fogares que se acollan a programas para xerar menos lixo.
O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse este martes nunha sesión extraordinaria na que unha das cuestións de maior relevancia foi a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal número 3.4 reguladora da taxa pola recollida de lixo. A actualización, que implicará unha subida das tarifas, faise, como apuntou o alcalde, José Manuel López Varela, por “imperativo legal” dada a necesidade de adaptar a normativa municipal á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que entrou en vigor en 2024. Esa nova lei, de ámbito estatal, obriga a que as taxas municipais cubran a totalidade do custo real do servizo, polo que é necesario revisar as tarifas para cumprir con esa esixencia. López Varela mostrou a súa inconformidade con esta lei, xa que “non respecta a autonomía local nin a potestade económica a nivel municipal, pero é o que temos que aplicar porque nos vén imposto polo Goberno central”. Aínda así, apuntou que a da Laracha continuará sendo a taxa máis baixa da bisbarra.
As tarifas anuais quedarán fixadas en 98 euros para vivendas rurais, 110 euros para vivendas urbanas e, no caso da hostalería e establecementos de alimentación, oscilarán entre 208,80 e 1.498,10 euros segundo a tipoloxía e situación do negocio. Para as actividades económicas en xeral, a taxa será de entre 113,80 e 468,80 euros, tamén dependendo dos condicionantes anteriores.
Como datos económicos, o alcalde informou que o custe do servizo (que inclúe recollida, transporte e tratamento do lixo, así como os servizos de punto limpo, recollida de voluminosos e o punto limpo móbil que entrará en funcionamento en próximas datas) ascende a 779.242,42 euros anuais, e que o déficit actual para o Concello é de 257.000 euros.
A ordenanza contemplará bonificacións na taxa de ata o 40 % para familias numerosas e reducións do 10 % para os fogares que participen en programas de redución do lixo, incentivando así boas prácticas ambientais ás que se poderán acoller todas as vivendas rurais e urbanas. Ditos descontos compensaríanse coas bonificacións de Sogama ao Concello pola xestión eficiente do lixo.
Este asunto saíu adiante cos votos en contra dos tres edís do grupo municipal do BNG e a abstención dos dous concelleiros do grupo do PSOE. Tralo acordo plenario, o texto estará trinta días en exposición pública antes de elevar a aprobación a definitiva. A entrada en vigor sería o 1 de xaneiro de 2026.
Outro dos puntos que se votou foi a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal número 7, reguladora da taxa pola utilización de instalacións deportivas municipais. O texto renóvase para adaptalo á realidade actual das infraestruturas existentes na Laracha e tamén actualiza as tarifas, que quedarán en 15 euros polo aluguer por hora dos pavillóns polideportivos e o mesmo prezo por 90 minutos das pistas de pádel. O alcalde explicou que a tarifa dos pavillóns non se actualizaba desde o ano 1998 e a das pistas de pádel, desde a súa apertura en 2012. Os grupos do BNG e do PSOE votaron en contra. O texto estará 30 días en exposición pública antes de proceder á súa aprobación definitiva e entrar en vigor.
O outro asunto tratado no Pleno foi a participación do Concello na primeira fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+) Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña. Neste caso acordouse por unanimidade destinar a achega provincial asignada, de 61.495,91 euros, á redución da débeda do Concello coa propia Deputación derivada da participación no Plan de Aforro e Investimentos (PAI) do ano 2015.