O auditorio da Casa da Cultura acolleu este xoves a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de xullo. O asunto máis destacado foi a aprobación, por unanimidade dos tres grupos municipais, dun suplemento de crédito por importe de 1.063.242,49 euros a financiar con cargo ao remanente de tesourería para destinar a investimentos financeiramente sostibles.
O alcalde, José Manuel López Varela, detallou e explicou todos os proxectos que se levarán a cabo con eses fondos, consistentes na renovación a iluminación pública no paseo marítimo de Caión, a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón que transformará o entorno da igrexa de San Martiño, a reforma do almacén do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco e varias melloras en infraestruturas viarias nas parroquias de Cabovilaño (núcleo de Oldán), Torás (estrada de Oldán á Barreira e no casco urbano da Laracha, Avenida Manuel Fraga e rúas Isaac Díaz Pardo, Mestre Baldomero Fraile, Luís Martínez e A Telleira), Lendo (núcleo de Bastón), Vilaño (estrada de Marfulo á Piña e núcleos de Vilanova, Fornelos e Fragunde), Lestón (núcleo da Grela e rúa Carballo Calero de Paiosaco) e Soandres (núcleos da Millarada e Vista Alegre).
Tamén se aprobou -neste caso, co voto en contra do grupo municipal socialista- a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT), proposta coa finalidade de adaptar a estrutura do Concello ás necesidades actuais dos servizos municipais e garantir unha prestación máis eficiente á cidadanía. Así, incorpórase un novo organigrama que ofrece unha visión actualizada da organización interna da administración local. Tamén queda reflexada a posibilidade de que determinados postos poidan ser desempeñados indistintamente por persoal laboral fixo ou funcionario de carreira como paso previo aos futuros procesos de funcionarización, así como a valoración dos postos de nova creación mediante o correspondente sistema de complementos de destino e específicos.
De maneira paralela, tamén se modifica o cadro de persoal para incorporar as sete prazas que contan con dotación orzamentaria no exercicio 2026. As restantes incorporacións previstas -ata un total de 19- realizaranse de forma progresiva nos vindeiros exercicios en función das necesidades organizativas, da dispoñibilidade orzamentaria e da normativa aplicable. Así mesmo, ao longo de 2026 desenvolveranse os procesos de promoción interna previstos na RPT e, durante o ano 2027, avanzarase nos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo contemplados na proposta.
Neste sentido, o alcalde afirmou que “quixeramos non ter as limitacións da taxa de reposición para poder convocar máis prazas que son necesarias para un mellor funcionamento dos servizos municipais”.
A unanimidade repetiuse na aprobacion dos festivos locais para o ano 2027, que serán, como é habitual no concello da Laracha, o Martes de Entroido (9 de febreiro) e o Día dos Milagres de Caión (8 de setembro).
Ademais, aprobouse unha moción de apoio á actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega que promove a Xunta de Galicia para o impulso de novas medidas que adapten o uso do idioma a todos os planos da vida pública, instando ás forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia a retomar o diálogo co obxectivo de construír novos consensos sobre a política lingüística.
Antes de rematar o Pleno, e ante a presenza como público de membros da Plataforma Stop Biogás A Laracha, López Varela expresou o seu recoñecemento “ao esforzo que estades facendo”, asegurando que “contades co apoio do Goberno local” e concluíu expresando o seu contundente rexeitamento a que a planta se instale na Laracha.