O Pleno da Laracha aproba por unanimidade a ampliación da zona azul gratuíta


Este xoves celebrouse na Laracha o Pleno correspondente ao mes de marzo, na que será a última sesión ordinaria da actual lexislatura. Os catro grupos políticos mostraron o seu acordo unánime nos dos dous puntos máis destacados da orde do día.

Un deles foi a aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria coa finalidade de ampliar o ámbito de aplicación das limitacións do estacionamento na zona azul gratuíta. Deste xeito incorpórase o tramo da rúa Santa Lucía xa sinalizado entre os puntos de intersección coa Avenida Fisterra e as rúas Plácido Pedreira e Carballo. Tamén se contemplan na ordenanza futuras ampliacións da zona azul no entorno do centro médico da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que este sistema de aparcamento gratuíto con limitación temporal de noventa minutos –de luns a venres de 9 a 15:30 horas- “está funcionando ben e os veciños o valoran porque supón rotación de vehículos e prazas libres en zonas comerciais ou ás que se acode para realizar xestións”.

A unanimidade repetiuse na aprobación da elección de Estela María Espiñeira Esmorís como xuíza de paz titular, cargo que xa desempeñou nos últimos catro anos. A proposta tomouse tendo en conta a súa experiencia e formación académica como licenciada en Administración e Dirección de Empresas. O acordo plenario será remitido á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ademais, foron aprobadas as novas retribucións e tarifas de conservación de acometidas e contadores para 2019 a Viaqua SAU, que se incrementan nun 1% de acordo ao aumento do IPC rexistrado no último ano. Neste caso abstivéronse na votación os dous edís do BNG e o concelleiro do grupo mixto. O alcalde concluíu que esta revisión nas tarifas faise en cumprimento da normativa e tal e como estaba previsto no contrato para a xestión do servizo municipal de tratamento integral da auga.

O próximo luns o Pleno volverase reunir a partir das 9:00 horas, neste caso na sesión extraordinaria na que serán sorteadas as mesas electorais para as eleccións ao Congreso e o Senado do vindeiro día 28 de abril.