Ao Concello da Laracha correspóndelle unha asignación de 262.321,90 euros, que van ser destiados a investimentos financeiramente sostibles centrados na mellora da rede viaria en estradas rurais e de prazas públicas nos núcleos urbanos. Na Laracha está proxectada unha intervención no pavimento da céntrica praza Les Sables d´Olonne, un espazo que se emprega tanto para aparcamento de vehículos como para a realización de gran parte dos eventos festivos da capital municipal. En Caión levarase a cabo a mellora do firme na praza Punta das Ondas, que está situada na parte posterior da cetaria e na que existen unha decena de casetas de mariñeiros. As melloras na rede viaria propostas localízanse nos núcleos do Cancelo do Medio (parroquia de Cabovilaño), Erboedo de Abaixo (Erboedo) e Barbacán (Coiro), e na vía de Soutullo que comunica O Igrexario coa estrada da Xesta pasando polas Cardosas.
A sesión plenaria comezara cun minuto de silencio en memoria das 38 mulleres vítimas da violencia de xénero no que vai de ano en España, e coa lectura de dúas declaracións institucionais rubricadas polos tres grupos municipais. Unha delas precisamente en conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero (25 de novembro). O alcalde, José Manuel López Varela, aproveitou a ocasión para convidar aos membros da Corporación municipal e a toda a cidadanía a participar na V Andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas que se vai celebrar o sábado, con saída da Praza Les Sables d´Olonne ás 11:30 horas.
O outro manifesto foi en conmemoración do Día da Infancia (20 de novembro). O rexedor municipal apuntou que UNICEF vén de conceder á Laracha o distintivo de Cidade Amiga da Infancia, “un recoñecemento do que debemos sentirnos todos orgullosos”, ofrecendo o dato de que só 13 municipios galegos contan con ese galardón. Ademais, López Varela adiantou que o martes da semana que vén a Casa da Cultura acollerá a partir das 11:30 horas o 2º Pleno Infantil do Concello da Laracha.