As dúas cuestións que o Goberno local da Laracha elevou a Pleno extraordinario celebrado este mércores na Casa da Cultura aprobáronse por unanimidade dos tres grupos municipais. A sesión estivo presidida polo tenente alcalde José Ramón Martínez Barbeito.
Un deses asuntos foi o destino dos fondos procedentes da segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal “POS+ Adicional 2/2025” da Deputación da Coruña. Ao Concello da Laracha correspóndelle unha asignación de 308.791,65 euros que, tralo acordo plenario, serán empregados en investimentos financeiramente sostibles centrados na mellora de infraestruturas e de equipamentos municipais.
Así, vaise mellorar a zona deportiva existente no núcleo urbano da Laracha, xunto ao IES Agra de Leborís, composta por dúas pistas polideportivas, un circuíto de calistenia e o skatepark. Os outros tres proxectos teñen por finalidade intervencións na rede viaria municipal que afectarán aos núcleos rurais da Ponte Martín (parroquia de Torás), A Areosa (Vilaño), Lista (Lendo), A Agrela (Lestón) e Borreiros (Soandres).
O outro asunto foi modificación das bases de execución do orzamento municipal deste ano necesaria para a concesión dunha subvención nominativa ao Club Escolas Deportivas de Baloncesto Laracha (C.B. Laracha) por un importe de 7.500 euros, O Concello reforza o apoio á entidade con motivo do ascenso do equipo sénior feminino a categoría de ámbito nacional por primeira vez na súa historia. Faise ante as novas necesidades económicas que deberá afrontar o club referentes á inscrición na competición e os desprazamentos por Galicia e outras comunidades autónomas para disputar os partidos fóra de casa.