O Pleno da Laracha aproba un expediente de crédito de máis de 700 mil euros

Este xoves celebrouse un Pleno extraordinario na Casa da Cultura da Laracha, no que todos os asuntos que se trataron por iniciativa do goberno local foron aprobados por unanimidade dos tres grupos políticos. A principal cuestión foi a proposta de aprobación inicial do expediente de crédito extraordinario-suplemento de crédito 02-2020 que permitirá dispoñer de 719.069,69 euros do orzamento líquido de tesourería como fonte de financiamento para executar moi diversas actuacións de interese xeral para a cidadanía larachesa.

Outro dos asuntos aprobados polo Pleno foi a renovación do convenio do Plan de Transporte Metropolitano coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia. O obxectivo esencial é continuar potenciando o uso do transporte público bonificando o prezo dos billetes dos autobuses urbanos e interurbanos. A vixencia do novo acordo ten unha duración de catro anos, cunha previsión anual de achega municipal de 13.040,61 euros. O convenio tamén contempla mellorar a calidade do servizo de transporte de viaxeiros con plans de renovación das marquesiñas e de ferramentas como a web do programa.

Ademais, unha vez superado o trámite de información pública, elevouse a definitiva a aprobación do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, documento que é froito do convenio de colaboración entre o Concello, a Xunta de Galicia, a Fegamp e a empresa pública Seaga para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias.

Salientar tamén que no Pleno o alcalde deu conta da clasificación das once ofertas presentadas no procedemento de contratación do servizo de axuda no fogar. A proposta de adxudicación será a de  Siad21 Galicia S.L.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha