O Pleno da Laracha tratará varios asuntos de índole económica

No Concello da Laracha celebrarase este venres unha sesión extraordinaria do Pleno na que se tratarán asuntos de índole económica que xa foron sometidos ao correspondente ditame da Comisión Informativa de Facenda.

En primeiro lugar, darase conta á Corporación municipal do resultado da liquidación do exercicio económico 2018 que, como datos máis significativos, pechouse en 12.088.352,95 euros e cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 2.708.043,39 euros.

O goberno local pretende facer uso de parte dese remanente propoñendo a aprobación dun crédito extraordinario que permitiría incorporar aos orzamentos a cantidade de 502.587,06 euros. O seu destino sería íntegro para investimentos financeiramente sostibles que non poden ser demorados ata o próximo ano e para os que non existe dotación económica nos presupostos vixentes. Trátase de moi diversas actuacións relacionadas con melloras na rede viaria municipal, nas redes de abastecemento, na iluminación pública, na recollida de residuos, nas infraestruturas públicas de titularidade municipal, nos equipamentos, no mobiliario urbano e na protección do patrimonio histórico.

O Concello da Laracha xa empregara durante o ano pasado parte do remanente resultante da liquidación orzamentaria da anterior anualidade para o financiamento de actuacións de investimento en infraestruturas e programas que melloraron a calidade de vida da veciñanza. Esta circunstancia implicou exceder o límite de gasto, xa que a variación con respecto ao ano anterior superou a taxa de referencia do crecemento do PIB determinado polo Ministerio de Economía. Por este motivo, e en cumprimento da normativa orzamentaria, elévase tamén ao Pleno a proposta de aprobación dun plan económico financeiro que non precisará de medidas e que reconducirá formalmente a situación de cara ao período 2019-2020.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha