O pleno da Laracha valorará destinar fondos do POS+2022 á mellora da rede viaria

2 minutes read
  • A sesión será este venres, e hoxe someterase a ditame na Comisión Informativa

No pleno ordinario deste venres na Laracha debaterase a proposta do goberno local para destinar os fondos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos) POS+2022, asunto que será sometido este mércores a ditame en Comisión Informativa.

Con cargo ao POS+, o Concello da Laracha percibirá da Deputación da Coruña un total de 819.627,71 euros divididos en tres achegas: 423.382,43 euros destinaríanse a obras de investimento, 293.515,02 serían para gasto corrente e 102.730,26 euros corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

As actuacións previstas céntranse na mellora da rede viaria municipal das parroquias de Lendo (O Canle, O Cruceiro Novo -inclúe mellora de pluviais- e Samiráns; Torás (A Portela, A Barreira e estrada entre a Avenida de Caión e O Campo; Vilaño (Meáns, O Formigueiro e estrada desde A Botica ata O Pino); Montemaior (O Raño e a estrada entre A Baiuca e A Pena); Cabovilaño (A Braña e O Cancelo); Coiro (O Coto e As Meneiroas); Lestón (estrada desde A Rabadeira ata O Igrexario); Erboedo (Paredes); Soandres (Borreiros e Curros); Golmar (O Igrexario) e Soutullo (O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira).

Por outra banda, o Plan complementario, cuxa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que a Deputación da Coruña acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2022, tamén quedaría definido. Ten un orzamento total de 374,338,92 euros e inclúe actuacións nas parroquias de Lemaio (A Fontaíña e Proame), Erboedo (San Paio e O Igrexario), Coiro (A Ferrulleira), Golmar (As Talladas), Montemaior (O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán) Soutullo (estrada entre Groba, da parroquia de Golmar, e O Vilar do Boi), Torás (estrada entre Riotorto e a vía provincial DP-0513), Lestón (Os Currais) e Caión (Cima de Vila).

POS+ Adicional
Coa achega de 102.730,26 euros do POS+ Adicional financiaríanse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo deste ano. As tres áreas ás que o goberno local proporá destinar ditos fondos son a ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais municipais e o aumento da dotación das partidas económicas destinadas ás axudas de emerxencia para persoas e familias en situación de risco de exclusión social.