O Pleno da Laracha votará este luns a Conta Xeral do exercicio económico 2021

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

Esta cuestión elévase ao Pleno, a partir das 13:30 horas, tras ser sometida a ditame da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas o pasado 2 de agosto e unha vez superado o prazo de 23 días hábiles en exposición pública sen terse presentado alegacións.

Como datos máis salientables, o orzamento definitivo do pasado curso, equilibrado en gastos e ingresos, péchase en 12.928.015,99 euros, o que significa un incremento próximo ao 56 % con respecto ás previsións iniciais (8.305.000 euros).

No que atinxe aos pagamentos orzamentarios, realizáronse o 100 % das obrigas recoñecidas, un dato que debe analizarse conxuntamente co estrito cumprimento durante os catro trimestres dos prazos de pagamento a provedores, que se efectuaron nunha media de 8,54 días.

As contas tamén arroxan un remanente líquido de tesourería para gastos xerais que ascende a 1.885.41,43 euros, parte dos cales xa foron incorporados nos orzamentos do ano en curso como suplementos de crédito e créditos extraordinarios para o financiamento de investimentos en infraestruturas e outras iniciativas de interese xeral.

A aprobación da Conta Xeral polo Pleno é o trámite previo á remisión ao Consello de Contas para a súa fiscalización.

Ademais, tamén se eleva ao Pleno a modificación da ordenanza reguladora do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha para introducir dous cambios que permitirán adaptar a normativa ás necesidades de conciliación das familias usuarias. Así, proponse a ampliación do horario do servizo durante os períodos de vacacións nos centros de ensino (Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán) para ofrecelo de 7:00 a 14:00 horas (o texto en vigor contempla comezar ás 8:00 h) e incrementar ata 120 as prazas dispoñibles para o alumnado do CEIP Otero Pedrayo (actualmente está previsto un máximo de 80).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha