O Pleno de Brión aproba por unanimidade o POS+2023

2 minutes read

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria extraordinaria do mediodía deste mércores en Brión, onde oito dos nove puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Así, o Pleno acordou destinar 169.480,25 euros dos POS+2023 á mellora da estrada que une a rúa Gondar co límite do municipio. Así mesmo, o Concello de Brión investirá os 278.955,43 euros do Plan Complementario a dous proxectos: mellora do viario entre Esparís e a DP-1302 e mellora de estrada na Telleira.

Por outra banda, o Pleno aprobou destinar 244.349,8 euros a gasto corrente, especialmente á financiación do alumeado público, a recollida do lixo e limpeza viaria. Ademais, Brión sumarase ao POS Adicional 2023 para gastos sociais extraordinarios, polo que recibirá outros 71.268,69 euros para axudas de conciliación e respiro familiar, emerxencia social e para a contratación dun auxiliar administrativo para facilitar a tramitación de expedientes no Departamento de Servizos Sociais.

Ratificación de convenios

A maiores, o Pleno ratificou varios convenios asinados nas últimas semanas polo Concello de Brión como a adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e a Deputación da Coruña en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais por un período de dous anos. Así mesmo, acordouse unha prórroga de seis meses coa empresa Espina e Delfín para a prestación do servizo de abastecemento de auga no municipio, concretamente ata agosto de 2023. Trátase da derradeira prórroga deste contrato, á espera da licitación dun novo expediente nos próximos meses.

Por outro lado, o Pleno aprobou, cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención do BNG, un convenio asinado entre o Concello de Brión e o Concello de Negreira para solicitarlle unha subvención de 125.738,58 euros ao Agader para construír unha tiroliña sobre o río Tambre para unir os dous municipios. O alcalde, Pablo Lago, explicou que se trata dun proxecto que sería financiado 100% polo Agader e que só se faría realidade no caso da consecución da subvención precisa.

Así mesmo, o pleno ratificou o convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Brión para a mellora da AC-543 por un importe de 605.000 euros. Finalmente, o secretario deu conta do Período Medio de Pago do cuarto trimestre de 2022, que foi de 15,79 días.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?