Mocións do PSdeG
Dende o Partido Socialista carballés consideran de vital importancia a creación dun punto de encontro familiar na vila para así dar resposta ás necesidades de tantos veciños que ata a data deben desprazarse a outras localidades para facer uso deste servizo familiar para “intercambiar” aos menores cando lles toca cambiar de proxenitor. Por isto, solicitan ao Pleno o acordo de Instar á Xunta de Galicia á realización dun estudo para valorar a viabilidade da creación deste Punto de Encontro Familiar en Carballo, para uso de todos os Concellos da comarca de Bergantiños. O Partido Socialista de Carballo propón tamén ao Pleno Municipal se de inicio a un proceso co fin de dotar dun nome propio oficial ao pavillón sito na rúa Vila de Noia da localidade.
Mocións TEGA
A primeira moción que levará ao pleno Terra Galega será para a concesión de subvencións para a mellora da accesibilidade: Instalación de ascensores e eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos do Concello de Carballo.
A seguinte moción será para a autorización especial de uso sobre os campos de fútbol municipais de céspede artificial (campo das Eiroas e do Carral) aos clubs (Bergantiños FC e SD Sofán, respectivamente) para dar amparo legal a estas entidades privadas que usan as citadas instalacións e á súa vez dar un mellor servizo.
Dimisión
Noutra orde de cousas, Ricardo Vilas Otero, concelleiro do PP, anunciou que presentará a súa dimisión nese Pleno da corporación municipal por causas de carácter persoal.