O Pleno de Carballo adxudicará este luns o contrato do servizo externo de axuda no fogar

PIXABAY

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario de novembro a adxudicación do servizo externo de axuda no fogar (SAF) por un máximo de 1,8 millóns de euros ao ano. Unha vez analizadas e valoradas as ofertas das sete empresas licitadoras, o servizo será contratado coa Fundación para el estudio y la promoción de la acción social (Fepas) por un período inicial de dous anos, prorrogable ata un máximo de catro. O orzamento para o total dos catro anos supera os 8 millóns de euros, e precisamente por esa elevada contía a adxudicación correspóndelle ao pleno. A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas cotiás, facendo posible deste xeito que permanezan na súa contorna, potenciando a súa autonomía, mellorando as redes de relación familiar e social e previndo situacións de exclusión social.