As propostas de investimentos que se realizarán cos fondos do plan provincial POS+ 2023, saíron adiante sen debate, coas abstencións de TeGa e PP. O Concello de Carballo aprobou proxectos por tres millóns de euros, que se reparten entre obras (abastecemento de auga dende A Canosa ata Entrecruces, aglomerados das vías de Arnados a Sambade e do Pereiro Vello a Outón, abastecemento aos núcleos do Espiño, Ramil, O Piñeiro e Goiáns de Arriba, e rede de pluviais en varias rúas da primeira fase do polígono de Bértoa), gasto corrente e gasto social.
A sesión rematou con varios rogos e preguntas de PSOE e Terra Galega sobre cuestións coma o servizo de atención temperá, investimento en promoción turística, servizos deportivos, proceso de estabilización do persoal ou contratación, entre outras.
A corporación municipal gardou un minuto de silencio na memoria de Pedro Tasende Díaz, concelleiro de UCD no primeiro mandato da democracia, que faleceu este domingo aos 81 anos de idade. Os grupos municipais expresaron tamén as súas condolencias á concelleira Milagros Lantes Seara polo pasamento da súa irmá María na tarde do pasado venres.