A corporación municipal de Carballo comezou a sesión ordinaria do mes de febreiro cunha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.
Tanto as actas das sesións anteriores coma o recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores, por algo máis de 90.000 euros, foron aprobados coa abstención de Terra Galega. Tamén se abstiveron todos os grupos da oposición no punto relativo á revisión de prezos do contrato de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público correspondente ao ano 2021, segundo a cal a empresa concesionaria terá que devolver máis de 90.000 euros ao Concello de Carballo.
O último asunto foi unha moción do PP sobre a ordenación do litoral de Galicia, que foi aprobada coa abstención do PSOE tras a aceptación por parte dos populares de dúas emendas presentadas polo BNG para modificar o punto 2 e para engadir o punto 5. Con estas achegas, a redacción final da resolución sería a seguinte:
O Concello de Carballo insta ao Goberno central a:
- Recoñecer as lexítimas competencias de Galicia en materia de ordenación do litoral atribuídas no seu Estatuto de Autonomía.
- Respectar a capacidade lexislativa de Galicia para ordenar e planificar o litoral terrestre e marítimo.
- Realizar o traspaso efectivo dos medios persoais e materiais necesarios para poder exercer a competencia exclusiva de ordenación do litoral, que inclúe como función executiva a xestión dos títulos habilitantes sobre o litoral.
- Velar pola protección do dominio público marítimo terrestre sen prescindir das súas funcións sociais dado o seu carácter de lugar estratéxico para o desenvolvemento de determinadas actividades económicas e sociais que se desenvolven na nosa costa.
- Instar á Xunta de Galicia a abrir un proceso de participación social e institucional sobre o anteproxecto de lei de ordenación do litoral durante un período mínimo de tres meses no que se promova a intervención dos sectores implicados.
Os informes sobre o cumprimento das obrigas en materia de morosidade e rendición de contas ao Ministerio de Facenda e varios rogos e preguntas do PSOE completaron a sesión.