Entre os asuntos aprobados este xoves por unanimidade destaca a solicitude de adhesión ao convenio tipo entre a Xunta de Galicia e o Concello de Malpica para que sexa a Administración autonómica a encargada da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás distintas categorías da Policía Local e ás prazas de auxiliares de policía local.
No apartado económico, o pleno aprobou inicialmente o suplemento de crédito 1/2026 con 6 votos a favor (PP), 5 votos en contra (PSOE e AIM) e 2 abstencións (BNG). Tamén foi aprobado o recoñecemento extraxudicial de crédito cos mesmos resultados na votación.
Segundo o informe de intervención, a liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2025 cumpre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite de débeda. O Concello conta cun remanente de tesourería de 808.599,31 euros, dos cales 577.086,31 euros se destinan ao pagamento do recoñecemento extraxudicial de crédito. Deste xeito, o Concello mantén un superávit de máis de 200.000 euros.
No apartado de mocións, o grupo municipal AIM presentou unha proposta para a paralización inmediata do proxecto da rotonda da rúa Ventorrillo, que foi rexeitada con 1 voto a favor (AIM), 6 en contra (PP) e 6 abstencións (PSOE e BNG). Pola contra, a moción sobre o deficiente servizo de telecomunicacións en Malpica foi aprobada con 7 votos a favor (AIM, PSOE e BNG) e 6 abstencións (PP).
O BNG presentou dúas mocións. A primeira, en favor da paz, contra o militarismo e para frear as consecuencias da guerra en Irán, foi aprobada con 2 votos a favor (BNG) e 10 abstencións (PP e PSOE). A segunda, para solicitar á Xunta de Galicia un plan integral de restauración da mina de Monte Neme, foi rexeitada con 6 votos a favor (BNG e PSOE) e 6 en contra (PP).
Pola súa parte, o grupo municipal do PSOE presentou catro mocións. A moción sobre a estrada AC-418 entre Buño e Carballo foi aprobada por unanimidade. Tamén foi aprobada por unanimidade a moción en defensa do sector pesqueiro e dun financiamento xusto no marco europeo, así como a proposta para a dotación dunha ambulancia medicalizada para a comarca de Bergantiños. A moción relativa á situación da mina de Monte Neme foi rexeitada con 6 votos a favor (BNG e PSOE) e 6 en contra (PP).