A Corporación Municipal de Vigo aprobou inicialmente o décimo noveno presuposto consecutivo do goberno presidido por Abel Caballero, cos votos a favor do Grupo Municipal Socialista e a oposición dos edís do PP e do BNG. «Se do PP e do BNG se tratase, Vigo estaba parado. O orzamento é magnífico, excepcional», afirmou o alcalde ao remarcar que ningunha cidade de España foi capaz de aprobar 19 orzamentos consecutivos. «En Vigo, algún goberno con maioría non conseguiu aprobar os orzamentos e nós, en 19 anos, 19 orzamentos, e isto é o máis importante do que acaba de suceder hoxe na cidade», incidiu.
Abel Caballero destacou este venres que o orzamento de 2026, aprobado inicialmente hoxe polo pleno da Corporación, conta con débeda cero, coa menor presión fiscal dun Concello de Galicia e unha das máis baixas de España, e cun período de pago a os seus provedores de 5 días.
O rexedor destacou que ante un orzamento consolidado de 350.883.484, que conta cun investimento de 116 millóns de euros, «non se pode votar que non», en referencia ao voto en contra do PP e do BNG. «A oposición non entende aínda que as cousas que son boas para Vigo hai que apoialas», recalcou ao indicar que se non se aproban estas contas quedarían paradas as bolsas de comedor, as de inglés, o deporte, a política social e o desenvolvemento da cidade».
Investimentos en vivenda
O concelleiro de Economía e Facenda, Jaime Aneiros, avanzou este venres que os 350 millóns de orzamento de 2026, ademais de atender a todas as necesidades e garantir os servizos públicos da cidade, continuará a transformación de Vigo. “É o modelo de cidade que queremos: dinámica, sostible e emprendedora e todo con recursos exclusivos do Concello e coas achegas extraordinarias do Goberno”, recalcou ao lembrar que Vigo afronta o novo exercicio con débeda cero, a menor presión fiscal de Galicia, e que paga aos seus provedores en cinco días.
O edil recalcou que o punto de partida do orzamento “é a boa xestión financeira que nos permite dedicar todos os recursos, os 350 millóns, directamente á cidadanía”. Aneiros destacou que entre os eixos prioritarios das novas contas de 2026 destaca a política de vivenda, coa construción dun edificio en Esturáns para vivenda social e o incremento en 750.000 euros para a bolsa de alugueiro e a empresa municipal de vivenda con máis de 11 millóns de euros. Apuntou os 29 millóns destinados a política social, así como o apoio aos colectivos de Vigo con 38 millóns e o investimento de 44 millóns de euros para continuar coa modernización de todos os barrios, aos que se sumarán os 72 millóns da ampliación orzamentaria, así como os 19 millóns que irán a parques e xardíns. Apuntou o apoio ás familias e á infancia con escolas infantís gratuítas, bolsas de comedor e de inglés, ou a nova ludoteca de Rivera Atienza, entre outros investimentos. Indicou que entre as partidas destacadas tamén se atopa a destinada ao apoio e promoción da cultura con 19 millóns.
Estabilidade
O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, tras incidir en que a aprobación do décimo noveno orzamento consecutivo é o resultado da estabilidade de 18 anos de goberno municipal presidido por Abel Caballero, con 3 maiorías absolutas, e que é o resultado dunha “obra política única”, afirmou que a boa marcha da cidade é “innegable”. Incidiu en que a situación podería ser mellor “se contásemos coa axuda da Xunta e da Deputación porque non temos o apoio que nos merecemos”.
López Font reprochou á oposición o rexeitamento tanto aos orzamentos, “porque é estar en contra da cidade e do futuro que vén con proxectos como a planta de produción de microchips fotónicos, como ao Nadal de Vigo. Asegurou que “mañá seremos a referencia en toda España e Europa”.
Orzamentos
. Benestar Social: 28.060 euros, un 18 por cento máis que en 2025.
. Deportes: 22.817.214 euros, un 20 por cento máis que o ano pasado.
. Cultura: 19.864.832, crece un 7 por cento.
. Educación: 18.335.248 euros, un 1,04 por cento máis.
. Medio Ambiente e Parques e Xardíns: 19.342.633 euros. Aumenta un 10,9 por cento .
. Servizos: 47 millóns.
. Investimentos en barrios e parroquias: 44 millóns máis os 72 millóns da ampliación orzamentaria.