- Na sesión plenaria tamén se aprobou a concesión de varias axudas á hostalería
Ás nove da mañá deste venres comezou o pleno ordinario no Concello de Vimianzo onde, entre outros asuntos, se acordou rexeitar o proxecto do parque eólico do Monte Chan “que non está autorizado e co que parte da oposición, en concreto Adiante Vimianzo, creou un alarmismo colectivo de primeiras innecesario”, recalcou a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
A Administración local mantén a súa firme decisión de informar en contra dun proxecto que afecta directamente a unha área protexida, como son os Penedos de Pasarela, e aos municipios de Vimianzo e Laxe.
Novas axudas á hostalería
Na sesión tamén se aprobou unha modificación de crédito por un total de 749.689,08 euros que irán destinados, entre outros capítulos, ás axudas na hostalería; ao proxecto de renovación das luminarias exteriores de todo o termo municipal e á reforma do ximnasio.
Ademais, tamén se deu luz verde á aprobación da prórroga do contrato administrativo para a xestión dos servizos públicos municipais da vivenda comunitaria, comedor e lavandería sobre rodas, escola municipal infantil e centro de día.