O Pleno Infantil de Boqueixón debate sobre os dereitos dos nenos e das nenas


O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu a sétima edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 40 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Manuel Fernández Munín, e á concelleira de Ensino, Marta Copóns Neira, as súas reflexións sobre os seus dereitos.

Así mesmo, a rapazada rematou asinando co alcalde un manifesto “con tres compromisos acadados na aula para que non exista discriminación entre nós e poidamos gozar dos nosos dereitos por igual”, apuntou Martín Carrillo, un dos 13 “concelleiros/as” por un día sentados na mesa de plenos. Eses tres compromisos son: ter compañeiros comprensivos que saiban ter empatía e respecto polos demais, que todos os nenos e nenas consideremos as opinións dos demais aínda que sexan diferentes ás nosas e respectar aos profesores como eles nos respectan a nós.