O Pleno ratifica a aprobación inicial do novo Plan Xeral de Vigo

1 minutes read

O novo planeamento municipal vigués continúa avanzando na súa tramitación administrativa cara a súa entrada en vigor. Tras ser avalado polo Consello da Xerencia de Urbanismo e a Xunta de Goberno Local, este xoves pasou polo Pleno a aprobación inicial do documento, que será agora exposto ao público para coñecemento e eventual presentación de alegacións ao mesmo.

A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, anunciou que o Concello elevará o prazo de exposición pública aos tres meses -cando o habitual son dous- e ademais habilitará un espazo no que técnicos municipais e do equipo redactor do PXOM explicarán, informarán e aclararán as dúbidas dos cidadáns, un lugar no que tamén se poderán presentar obxeccións ao documento. Tanto o alcalde como Caride amosaron a disposición municipal a incorporar alegacións ao Plan, para o que se continuará cun diálogo “aínda máis intenso”, en verbas de Caballero, cos distintos colectivos da cidade.

No salón de Plenos, Abel Caballero resumiu os eixos fundamentais que sosteñen o novo PXOM, co cumprimento da normativa estatal e autonómica para, como primeiro obxectivo, dotar de seguridade xurídica ao urbanismo vigués.