O po do Sahara chegou á Costa da Morte | Sanidade recomenda non practicar actividades ao aire libre

2 minutes read
  • A situación actual e a localización dentro da xeografía galega do nivel e tamaño destas partículas así como a predición da posible chegada nos próximos días pódese consultar na páxina web de Meteogalicia.

Galicia sofre unha chegada masiva de po procedente do Sahara, o que fai que a calidade do aire empeore, polo aumento das concentracións de partículas en suspensión, podendo producir efectos adversos de consideración na saúde humana. Varias localidades da Costa da Morte tampouco se libraron da chegada do po do Sahara, como se pode apreciar nas fotografías tomadas este mércores en Carballo.

Por este motivo, a Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda non practicar actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e gafas en exteriores, sobre todo no caso de poboación sensible, ata que este episodio se acabe.

O tamaño das partículas (PM), determina a perigosidade do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as de 10 micras (PM10) ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa. As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria o que provoca problemas respiratorios e agravamento das patoloxías crónicas, como o asma ou a EPOC.

A poboación que pode verse mais afectada pola mala calidade do aire, debido á elevación das partículas en suspensión, son as persoas con enfermidades pulmonares ou cardiocirculatorias, principalmente asma ou EPOC, os anciáns, nenos e embarazadas.

Segundo o Índice de Calidade do Aire (ICA) establécense diferentes categorías de calidade do aire: boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima. A partir dunha calidade de aire regular pode existir un risco moderado para os grupos máis susceptibles, mentres que se deben tomar certas precaucións na poboación xeral a partir dunha calidade do aire mala.

O po acumúlase en pequenas cantidades en diferentes lugares e vehículos da Costa da Morte.