O polígono da Laracha segue crecendo cun aparcamento, unha nova nave e iluminación led

Foto.- Cedida.

No Concello da Laracha celebrouse a primeira reunión presencial da Xunta de Goberno Local desde a entrada en vigor do estado de alarma.

O único punto a tratar na xuntanza foi conceder a licenza urbanística solicitada por unha empresa para construír unha nave industrial no ámbito do polígono.

O novo edificio terá forma rectangular (20×45 metros), contará con dúas plantas sobre rasante e destinarase a almacenamento textil. Levantarase nunha parcela de 1.200 metros cadrados de superficie.

Novo aparcamento

Por outra banda, comeza a tomar forma o novo aparcamento público que Inditex está a construír no polígono industrial. Trátase da actuación contemplada no convenio urbanístico entre a citada empresa e o Concello da Laracha para a execución do plan relativo á permuta duns 10.500 metros cadrados de terreos.

Previamente o Concello cedera a Inditex a parcela do aparcamento público para facilitar o desenvolvemento do proxecto de creación da súa planta no polígono industrial, recibindo por parte da empresa en contraprestación parcelas de superficie e características equivalentes que agora están a ser acondicionadas.

Mellora da eficiencia enerxética

A próxima semana empezarán a executarse os traballos de substitución das 283 luminarias do alumeado público do ámbito do parque empresarial da Laracha por outras LED de última xeración. Estas actuacións teñen o dobre obxectivo da reforzar a aposta municipal pola redución das emisións e a loita contra o cambio climático ao diminuír o consumo eléctrico, o que tamén suporá adelgazar o gasto enerxético sen minorar a calidade do servizo. A execución estaba prevista con anterioridade, per tivo que aprazarse debido á alerta sanitaria.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha