O polígono de Labañou contará con 150 pisos de protección oficial

1 minutes read
  • O plan aprobado pola Xunta de Goberno Local tamén prevé construír un aparcadoiro público con un total de 358 prazas

A Xunta de Goberno Local de A Coruña aprobou este mércores o proxecto do Plan especial de Labañou PE M18, promovido pola Asociación de propietarios «As Percebeiras». A Xunta deberá proceder á súa avaliación ambiental estratéxica para, no caso de ser favorable, poder levar o proxecto ao Pleno para a súa aprobación inicial.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegura que este desenvolvemento urbanístico aumentará o parque de vivenda pública na cidade e impulsará un espazo verde de 14.000 metros cadrados para uso da veciñanza do barrio. Un 40% das vivendas previstas no polígono, situado entre o Paseo Marítimo, a avenida de Labañou, xunto ao grupo de vivendas de María Pita e o centro Padre Rubinos, destinaranse a vivendas de protección oficial. O plan tamén prevé construír un aparcadoiro público con un total de 358 prazas, que servirá para paliar o déficit de prazas no barrio.

A Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde o proxecto de reparación da ponte da avenida da Universidade sobre a avenida García Sabell, cun orzamento de 884.013 euros.