O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, visitou a zona da antiga fábrica da Telleira, adquirida polo concello para a construción do novo polígono industrial, para anunciar un investimento de 120.000 euros para cofinanciar unha actuación de 150.000 euros. Con este investimento levarase a cabo a execución dunha planta de tratamento de augas residuais que dará servizo a este parque empresarial.
“Este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”, afirmou Trenor.
Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.