O Polo Aeroespacial de Galicia conta con presenza na feira Expodrónica, en Madrid


A Axencia Galega de Innovación (Gain), está presente ata o xoves 28 na feira Expodrónica, o maior evento de drons do Sur de Europa, que nesta edición se une ao World ATM Congress, a principal conferencia a nivel internacional sobre xestión de tráfico aéreo, ambas celebradas no recinto feiral de Ifema en Madrid.

O salón de conferencias do congreso leva o nome da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica do Goberno galego para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados en Galicia. Este espazo incluirá unha completa programación sobre o futuro da aviación e a integración da mobilidade aérea avanzada, a xestión do tráfico dos vehículos non tripulados (UAV), os vehículos aéreos autónomos ou remotamente pilotados, os sistemas de xestión novidosa do tráfico e outros servizos relacionados con drons e mobilidade aérea avanzada.