A Xunta informa de que colabora co Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI) do Ministerio de Ciencia e Innovación na licitación de Compra Pública Precomercial para dotar o Polo Aeroespacial de Galicia dun entorno de simulación avanzado de xestión do tráfico aéreo.
A licitación forma parte da Estratexia 2021-2025 da Civil UAVs Initiative e supón un avance no proceso do equipamento do Polo coa finalidade de convertelo nunha infraestrutura única na que se poidan verificar, testar e, no seu caso, certificar plataformas, instrumentos, sistemas ou aplicacións da industria dos vehículos non tripulados nun entorno seguro e controlado, creándose un espazo para a experimentación regulatoria.
O obxectivo da licitación é desenvolver unha infraestrutura de simulación avanzada que, facendo uso dos recursos xa operativos no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), así como das solucións tecnolóxicas desenvolvidas no período 2015-2020 do Polo Aeroespacial de Galicia, sexa capaz de proporcionar un sistema aberto e interoperable para a xestión de tráfico aéreo en operacións con vehículos non tripulados e a súa integración con vehículos tripulados.
O resultado final será un sistema que permita alcanzar a simulación en calquera escenario operacional. Agárdase ademais que a infraestrutura de simulación teña en conta dous aspectos fundamentais: por un lado, a interrelación dos servizos U-Space co Urban Air Mobility (Mobilidade Aérea Urbana) e as SmartCities; e por outro lado, que o simulador e os resultados obtidos no mesmo sexan un referente para a definición do marco regulatorio a nivel europeo e internacional.
Esta nova infraestrutura do Polo Aeroespacial de Galicia, que dará servizo á comunidade científica e tecnolóxica, permitirá que Galicia siga á vangarda no desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados e abre novas oportunidades para a participación das pemes e centros de coñecemento galegos na Civil UAVs Initiative.
A licitación, cofinanciada con fondos europeos, enmárcase na estratexia 2021-2025 da iniciativa e conta cun orzamento de máis de 13 M€ a executar en tres fases.
