A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nun encontro para presentar a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025 a representantes dos máis de 50 axentes (pemes, centros de coñecemento e empresas tractoras) que participaron no período 2015-2020 na iniciativa. Argerey fixo balance dos resultados dos primeiros cinco anos do Polo Aeroespacial galego e puxo de manifesto que son os logros acadados os que avalan a nova folla de ruta deseñada pola Xunta para darlle continuidade.
Así, o Polo xerou unha comunidade de innovación na que participan unha gran variedade de pemes e centros de coñecemento con capacidades para establecer redes nacionais e internacionais e potencial para captar fondos que permitan a realización de proxectos colaborativos en áreas clave, dotando aos seus membros e ao propio ecosistema galego dun posicionamento estratéxico internacional. Esta colaboración mellorou as capacidades e a competitividade das pemes e centros de coñecemento que formaron parte do Polo Aeroespacial de Galicia, propiciando a xeración de 47 novos proxectos de I+D+i derivados da súa participación na iniciativa.
Argerey destacou que, desde a súa posta en marcha en 2015, contou coa participación de 937 profesionais de alta cualificación e medio cento de pemes e centros de coñecemento, ademais da implicación de tres compañías multinacionais referentes no sector como Indra, Babcock e Boeing.
En total, executáronse 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos non tripulados. No marco deles obtivéronse 655 resultados con niveis de madurez diferentes, que posicionan Galicia como un referente na carteira de tecnoloxías relacionadas cos vehículos non tripulados. Deles, un total de 62 xa están no mercado e constitúen unha base sólida para o crecemento do sector en Galicia durante os próximos anos.