O Portal de Emprego da Laracha alcanza a 477 persoas e 255 empresas

  • A web facilita a comunicación entre os demandantes e ofertantes de emprego.
  • Actualmente hai vixentes 62 ofertas de postos de traballo.

O portal municipal de emprego que o Concello da Laracha ten operativo no dominio www.alaracha.es/emprego está a presentar un notable aumento tanto no número de persoas e empresas rexistradas como na cantidade de ofertas de traballo.

A través deste portal de emprego creouse un novidoso servizo municipal de colaboración entre o propio Concello da Laracha –a través da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, que xestiona a bolsa de emprego-, os demandantes e os ofertantes de postos de traballo.

As persoas usuarias do portal poden consultar as ofertas de emprego, as novas máis relevantes nesta materia, solicitar calquera dos servizos que ofrece a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local municipal e xestionar o seu currículum vitae e envialo directamente desde a propia plataforma.

No caso das empresas rexistradas, poden publicar as súas ofertas de emprego de xeito gratuíto e acceder aos perfís das persoas que se inscriban nelas, simplificándolles a posterior realización dun estudo pormenorizado das candidaturas. Ademais, as empresas con sede no termo municipal teñen á súa disposición un apartado específico para publicitar os seus servizos e actividades.

Cabe salientar que a web tamén está aberta a calquera cidadán que desexe presentar unha oferta de emprego, estando esta opción especialmente deseñada para aqueles particulares que demandan servizos de limpeza no fogar, xardinería, coidado a persoas dependentes no propio domicilio, etc.

A día de hoxe a cifra de usuarios da plataforma supera os setecentos ao estar rexistrados 477 perfiles de persoas demandantes de emprego e tamén 255 particulares e empresas que utilizan a ferramenta para dar a coñecer os seus produtos e servizos ou para presentar ofertas de traballo. Nestes momentos o número de ofertas de emprego vixentes no portal ascende a 62, salientando entre elas os sectores téxtil, construción, hostalería, administración e atención a persoas dependentes.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha