As luminarias actuais de vapor de sodio están no fin da súa vida útil, supoñen un elevado consumo eléctrico e teñen unha baixa eficiencia luminosa. O proxecto consistirá na substitución por novas luminarias LED, que contribuirán a unha redución importante no consumo eléctrico para o Concello e un menor nivel de contaminación luminosa.
O ámbito de actuación comprende a estrada DP 6103 da Deputación, o viario interior do núcleo de Espasante, o paseo marítimo e o acceso ao porto de Espasante. Escolleranse as luminarias axeitadas para cada tramo ou zona en función da súa potencia, fluxo luminoso e eficiencia enerxética. Os viais principais con maior índice de circulación de vehículos como a DP 6103, contarán con 84 novas luminarias de 60 W; o casco antigo e rúas peonís de Espasante con 33 luminarias led de 40W e porto e paseo marítimo con 79 luminarias de 20 W.
As obras incluirán tamén o pintado con pintura anticorrosiva dos farois e a substitución de postes e brazos de soporte deteriorados, co obxectivo de manter a uniformidade e a continuidade da estética nas rúas, así como a substitución dos actuais cadros de mandos por uns novos con protección contra sobretensións. As obras serán aprobadas definitivamente no pleno da Deputación da Coruña deste venres.