O POS+ do PP de Ponteceso conta co apoio dos concelleiros non adscritos

Daniel García_PP Ponteceso_Cedida.

  • Os populares volven reclamar ao alcalde que abandone o seu cargo para asegurar un futuro mellor á localidade

O portavoz do Partido Popular de Ponteceso, Daniel García Cotelo, leva días comunicando que desde a formación local presentarán na próxima comisión informativa un Plan de Obras e Servizos (POS+) acordado co apoio dos cinco concelleiros non adscritos. Cotelo destaca que este é un programa que inclúe obras «moi necesarias para os veciños» e que se afasta do que pretendía o alcalde, que «só quería o diñeiro para gastos xerais e pagar favores”.

No documento reflíctense obras varias en diferentes parroquias, fondos para o pago a provedores e un incremento nas horas do SAF (Servizo de Axuda no Fogar), así como o mantemento do plan de emprego.

Con respecto ás últimas declaracións do alcalde sobre o arranxo dun muro derrubado polo temporal Karim en Anllóns, alegando que para iso se poderían usar fondos do POS+, o PP roga a Carballido que “deixe de enganar”. García Cotelo considera que “querer facer crer que esa obra podería incluírse no POS é unha tomadura de pelo”, xa que o veciño afectado dou parte ao seguro e probablemente reclame unha solución ao Concello.

O Partido Popular sentenza que o POS+ conta co apoio maioritario da corporación e que se executaría en tempo e forma, polo que «se realmente o alcalde está tan preocupado polo seu municipio como di, que se aparte, que abandone o cargo e que nos deixe traballar aos que si queremos avanzar en Ponteceso”.