O POS+2024 inclúe 1,6 millóns de euros de investimento en obras no rural carballés

2 minutes read

Este luns 29 de xaneiro o Concello de Carballo acollerá a primeira sesión ordinaria do 2024 cunha proposta importante: a aprobación do POS+, o plan de investimentos que achega fondos a cada concello da provincia en función do seu esforzo fiscal, a poboación, o número de parroquias ou a superficie. Con estes criterios obxectivos, Carballo xestionará inicialmente 2.257.552,45 euros, dos que case 1,6 millóns destinaranse a obras.

Esta cantidade permitirá seguir mellorando os servizos na zona rural. Evencio Ferrero, que informou sobre os asuntos do pleno acompañado polo concelleiro de Obras, Luis Lamas, relacionou os investimentos que se acometerán con eses fondos:

POS+2024

  • 2ª fase da construción de beirarrúas en Ardaña: 95.598,98 euros
  • Acondicionamento do campo da festa de Artes, que incluirá unha zona pavimentada e outra verde: 149.644,45 euros
  • Melloras na rede de abastecemento de auga na parroquia de Rus: 314.999,99 euros                                                                                                

Plan complementario                                                        

  • Melloras na pavimentación na parroquia de Aldemunde: 212.535,74 euros
  • Pavimentación do rueiro do núcleo de Imende (Noicela): 434.808,04 euros
  • Ampliación da rede de saneamento en varias parroquias: 364.928,28 euros

O Plan Único da Deputación tamén permite destinar unha porcentaxe a gasto corrente, en Carballo será a máxima: 685.036,97 euros. Carballo utiliza sempre esta opción para poder liberar eses fondos dos orzamentos municipais para acometer outras infraestruturas e deste xeito axilizar a tramitación dos investimentos.

O Plan Único da Deputación tamén ten unha parte social, derivada das necesidades que xerou a pandemia, e no caso de Carballo suporá unha achega de 195.724,85 euros que se destinarán, tal como explicou o alcalde, ao reforzo do persoal técnico e administrativo, a ampliación do servizo de axuda no fogar e a adquisición de equipamento técnico asistencial.