O posto de economía social de Galicia gañou o premio ao mellor stand de alimentación en Xantar

1 minutes read

Os galardóns Xantar Internacional naceron cando o salón obtivo o selo de internacionalidade (en 2014) e con eles se recoñecen iniciativas públicas ou privadas que destaquen pola súa posta en valor da gastronomía e o turismo desde unha perspectiva innovadora.

En concreto, o xurado recoñeceu que o stand de Economía Social de Galicia facilitou a presenza de cooperativas do sector agroalimentario na feira indicando, ademais, que esta fórmula empresarial xera riqueza nas zonas rurais onde se asentan e un crecemento económico sostible, así como un emprego de calidade, integrador e centrado nas persoas e no territorio. Así mesmo, co galardón valorouse o esforzo realizado polos expositores presentes que ofreceron degustacións aos visitantes.

Co stand premiado, a Xunta promocionou no salón gastronómico a economía social e os produtos e servizos que ofrece en Galicia. Deste xeito, empresas representativas da economía social e do cooperativismo achegaron os seus produtos. En concreto, participaron Condado Paradanta, Cooperativa Agraria Provincial (Bico de Xeado), Queixeira Gaia, Alcrique, Terras da Mariña, Tres Fuciños, Barbudos, e Bodega Cooperativa Jesús Nazareno.

As persoas asistentes ao salón poideron coñecer e degustar no posto da Consellería de Emprego e Igualdade os produtos elaborados polos expositores, entre os que se atoparon queixos, requeixos, meles, licores, xeados, carnes, salsas e viños.