A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou este xoves o papel dos portos na dinamización da economía galega e destacou que os 122 peiraos de titularidade autonómica xeran 900 millóns de euros anuais e 26.000 empregos directos. Unhas cifras, especificou, que son froito dos importantes investimentos realizados pola Xunta de Galicia e o sector privado nos últimos anos.
Así o expuxo durante as xornadas Porto-Ciudad-Empresa, organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, inauguradas pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e nas que hoxe tamén participa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Rosa Quintana puxo de relevo a aposta do Goberno galego pola idea de porto único como clave para catalizar a economía da man da sustentabilidade e a innovación. Nesta liña, tamén destacou o carácter multidisciplinar dos portos nos que se realizan principalmente tres actividades, a pesqueira, o tráfico comercial e a náutica-recreativa.
Esta rede portuaria, subliñou, define á comunidade galega, representa unha infraestrutura loxística prioritaria para o desenvolvemento das localidades nas que se asenta e debe estar sempre á vangarda. Ademais, a titular de Mar puxo aos portos como exemplo de responsabilidade no coidado na súa operativa diaria e do mar e destacou que o seu crecemento permitiu a súa expansión territorial e integración coas cidades.