- Os populares da Costa da Morte alertan sobre os problemas que terán os concellos para elaborar os orzamentos e manter os servizos
Os alcaldes e portavoces do Partido Popular da Costa da Morte mostraron a súa “profunda preocupación” polo atraso que o Goberno Central mantén na transferencia de preto de 2 millóns de euros procedentes da actualización das entregas a conta do Estado aos concellos desta zona.
Coincidindo co inicio do curso político da zona, e nunha reunión mantida co presidente provincial, Diego Calvo, e co vicesecretario xeral de Organización e Territorio, Evaristo Ben, os rexedores alertaron sobre os problemas que terán os concellos para elaborar os seus orzamentos ante a falta dos recursos derivados da participación de ingresos do Estado e do resto de recursos financeiros que corresponden aos concellos da comarca.
Os populares queren saber cando e de que modo vai cubrir o Goberno o esforzo orzamentario que están a facer as entidades locais para atender, por exemplo, o incremento das retribucións dos empregados públicos e, da mesma maneira, solicitan coñecer a que importe ascenden os recursos pendentes de librar polo Ministerio de Facenda a cada un dos concellos.
As populares aproveitaron tamén para subliñar que as entidades locais, e en concreto os concellos, son os “grandes alicerces” da organización política e administrativa de España e lembraron que resultan “fundamentais” para garantir os servizos públicos esenciais, para o que necesitan autonomía e suficiencia financeira.
“Non só non recibimos o que nos corresponde, senón que temos que afrontar os novos gastos que nos xeran as decisións que toma o goberno central”, lamentan os populares, “cansos de que o PSOE financie a súa campaña electoral particular co diñeiro dos nosos veciños”.
Os rexedores aproveitaron a ocasión para calificar de “falacia” o argumento esgrimido polo executivo central de que sen orzamentos do Estado non se pode facer efectiva a transferencia dos devanditos fondos.
Preparados para as eleccións. Noutra orde de cousas, o presidente provincial aproveitou a reunión para subliñar que a súa formación está preparada para, no caso de ser necesario, afrontar uns comicios xerais o próximo mes de novembro..
“Cremos que sería unha irresponsabilidade por parte de Pedro Sánchez, pero xa estamos afeitos a que, lonxe de velar polos intereses de todos os españois, só se preocupe polos seus”, dixo Calvo, quen fixo fincapé en que os populares levan tempo traballando para que os cidadáns vexan no seu partido a “única alternativa ao populismo e ao independentismo para conseguir un goberno estable”.