O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña cargou a través do seu voceiro e secretario xeral na provincia, Evaristo Ben, contra o presidente da institución, Valentín González Formoso, ao que acusou de “anunciar moitas cousas e de cumprir con poucas ou case ningunha”. A acusación do Partido Popular chega despois de que segundo afirman “esta formación tivese constancia nos últimos días de que desde a Deputación da Coruña xa se está publicitando o Plan de Emprego Local (PEL) do ano 2023”. Neste sentido, o voceiro popular, que tachou de “electoralista” a media impulsada polo goberno socialista, reclamou un “pouco de respecto” e de seriedade” por parte do executivo provincial. Nesta liña, o popular volveu incidir na necesidade de que o executivo da Deputación “xestione máis e anuncie menos”, tendo en conta que, tal e como lembrou Ben, as arcas provinciais seguen tendo no banco máis de 313 millóns de euros que deberían estar a repercutir en que os veciños da provincia teñan máis e mellores servizos.
0