O Partido Popular de Cee aposta no seu programa electoral por dinamizar a vida cultural e social do concello cun claro obxectivo: converter Cee nun concello de referencia nestes eidos.
“Contamos cunha Casa da Cultura que pode albergar a medio cento de usuarios e que se sitúa nunha zona inmellorable do núcleo de Cee. O problema é que a programación cultural non é suficiente”, afirma o candidato á Alcaldía de Cee, Jesús Picallo.
Ademais, desde o PP de Cee consideran “indispensable” que, de xeito paralelo á programación que se execute na Casa da Cultura, tamén se impulse unha descentralización das actividades. “É necesario levar a cultura ás parroquias, ao rural”, afirma Picallo, quen defende que “existe moito talento local e non se lle está dando a visibilidade que necesita e que merece”.
Isto tamén significa que é necesario investir en campañas de promoción da cultura, en acondicionar os espazos que poden dedicarse a este tipo de eventos e mesmo a crear uns novos. De feito, no programa electoral do PP inclúese a construción dunha Casa Cultural en Toba.
“A cultura non é un gasto, é unha inversión”, explica Picallo. “Deixemos de promover ou organizar eventos culturais só para días puntuais ou enfocados a períodos estivais ou de festa. A xente que residimos en Cee tamén temos dereito a gozar dunha cultura todo o ano”, subliña.