Que fixo o alcalde de Carballo e o seu equipo de Goberno desde o pasado 12 de marzo?.
Esa é a pregunta que encabeza o comunicado remitido aos medios pola portavoz Popular no Concello carballés, Paula Nogueira, quen con ironía musical se encarga de encamiñar.
Non se preocupe, xa lle respondo eu, di Paula; só hai dúas opcións: sacarse fotos ou queixarse. Por tanto, se vostede bota un ollo ás redes sociais do Concello e do BNG verá que o que digo é obvio. Desde o Partido Popular de Carballo preguntámonos se tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Obras e o concelleiro de Seguridade, os cales se dedicaron a facerse un ‘book’ de fotos con cada obra que se fai nos últimos meses, acoden a fotografarse en calidade de arquitecto, enxeñeiro ou xefe de obra.
Non sería máis adecuado prestar atención e poñer o foco nas necesidades máis imperiosas dos veciños e veciñas de Carballo, así como de todo o que está a ocorrer nos últimos meses no noso pobo? A segunda tarefa á que se dedicou o señor Ferrero é á de queixarse. Nun exercicio minucioso de procura, os populares tentamos atopar algunha intervención do rexedor na que non se queixe do suposto esquezo ao que as administracións, en concreto a Xunta de Galicia, somete ao municipio carballés.
‘É a obsesión’, como reza a canción que comparten a duo Shakira e Alejandro Sanz, do Goberno do BNG utilizar constantemente o binomio –Xunta-Carballo- para xustificar todos e cada un dos males que sofren o noso veciños, esquecendo, está claro, as competencias municipais dun Goberno local que nin está, nin se lle espera.
Repertorio de cancións aparte, prosegue Nogueira, e podendo botar man daquela que dicía o traballo ‘Pa cando…’ chegou o momento de preguntarse por que os procedementos de seguimento e de control que deben de estar vixentes na era Covid fallaron tanto. Como é posible que desde marzo, oito meses despois do inicio da pandemia, o Goberno local sexa capaz de non facer nin a máis mínima crítica sobre as súas actuacións. Como é posible que esta fin de semana Carballo fose a portada en de numerosos medios escritos, e abrise telexornais cuns feitos que demostran a falta de control que se lle debe esixir a un executivo responsable de velar pola saúde pública dos seus veciños.
Preguntas todas elas que se responden cun denominador común que non é outro que o de que o equipo que encabeza o señor Ferrero camiña no bico dos pés e de perfil á hora de afrontar a súa responsabilidade ante os desafíos que expón o Covid. Se un procedemento de actuación non é efectivo ha de corrixirse. O Goberno local ha de preguntarse, en primeiro lugar, por que fallou para, posteriormente, solucionar as brechas de seguridade que se produciron.
Queremos pensar que o sucedido nun bar de Carballo esta fin de semana servirá, polo menos, para reflexionar e, sobre todo, para actuar en consecuencia e sen ter que esperar a que o noso municipio volva ser o centro de atención mediático de Galicia. Os nosos veciños necesitan ter a seguridade de que se está velando pola súa saúde, sen esperar a que a denuncia veña a través das cámaras.
Desde o inicio desta pandemia, o Partido Popular de Carballo tendeu a man a un Evencio Ferrero que nunca quixo recoller a luva. Proba diso é a ausencia de membros da oposición na comisión Covid creada para afrontar os efectos e consecuencias deste virus. Unha ausencia que obedece ao interese que o BNG ten de acaparar o protagonismo dunhas fotos que, en ocasións e por desgraza para todos os carballeses, poñan en evidencia a catastrófica xestión municipal que deriva en feitos como os vividos esta fin de semana, concluíu Paula Nogueira.