- Presentarán unha moción na que demandan a posta en marcha dun plan municipal para identificar as deficiencias.
O grupo municipal do Partido Popular de Carballo denunciou este venres a falta de mantemento de parques, prazas e mobiliario urbano por parte do goberno local, despois de coñecerse o mal estado no que se atopan as varandas e as táboas dunha das pontes do Parque do Anllóns, no que as vigas principais que o sosteñen están podridas, co consecuente perigo que iso supón para os usuarios. “O que coñecemos nos últimos días é só unha mostra máis do que hai tempo que sofren os veciños. Os parques, as prazas e o mobiliario urbano de Carballo necesita mantemento”, critican os populares, que acusan ao executivo local de “levar a cabo moita obra nova, pero teñen abandonada toda a que está feita”. Neste sentido, desde o Partido Popular adiantaron que a súa formación levará ao próximo pleno unha moción na que demandarán ao executivo local que poña en marcha un plan de mantemento municipal para que realice un recoñecemento do estado actual no que se atopa o mobiliario urbano de Carballo para, posteriormente, actuar na zonas que o necesiten.
“Non podemos consentir que unha empresa realice un inventario anual dos parques infantís e nos quedemos con iso. Os parques, as prazas e, en xeral, o mobiliario urbano necesitan un control moito máis exhaustivo”, afirman os populares, á vez que lamentan que un lugar tan emblemático como o Parque do Anllóns estea “practicamente abandonado”. Desde o Partido Popular de Carballo lamentan tamén que o rexedor distinga entre “zonas de primeira e zonas de segunda” dentro do mesmo municipio, un feito que, na súa opinión, vese reflectido na planificación das actuacións do concello. “Celebramos que prazas como a do centro mostren un aspecto tan bo, pero cremos que os veciños merecen tamén que outros lugares teñan os mesmos coidados. Entre outras cousas, porque que saibamos, ata o momento, a xente paga os mesmos impostos en Carballo”, conclúen.