O PP carballés levará a pleno que se solicite que o ambulatorio local sexa o C.I.S. de Bergantiños

Centro de saúde de Carballo_Cedida

O grupo municipal do Partido Popular de Carballo, a través do seu deputado autonómico, Rubén Lorenzo, levará ao próximo pleno local unha moción pola cal os populares instan o executivo local a que solicite á Xunta de Galicia a posta en marcha da remodelación integral e a ampliación do actual centro de saúde do municipio para convertelo nun Centro Integral de Saúde (CIS) que dea servizo a toda a comarca de Bergantiños.

Desde o grupo do Partido Popular de Carballo consideran que a comarca de Bergantiños cumpre cos requisitos para contar cun Centro Integral de Saúde igual que o que se está a construir en Lalín para dar servizo á comarca do Deza, pois trátase dunha zona con máis de 60.000 habitantes e cuxa capital está a unha distancia de arredor de media hora en coche do hospital de referencia, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

O actual inmoble ocupado polo centro de saúde de Carballo atópase en boas condicións, polo que consideramos que a creación dun centro integral de saúde nesta vila para toda a comarca de Bergantiños, non requiría a construción dun novo edificio”, dixo Lorenzo, quen incidiu en que apostar por efectuar unha reforma integral e ampliación do existente permitiría “potenciar a súa capacidade resolutiva e dar cabida á incorporación dun maior número de servizos e pacientes”.

Compromiso autonómico

Nesta liña, o popular subliñou que a mellora constante dos servizos sanitarios para prestar unha atención de calidade é un dos principios fundamentais do Servizo Galego de Saúde. “En Galicia xa se están a construír novas infraestruturas sanitarias mais amplas e humanizadas”, explicou Lorenzo, quen apuntou que Carballo non pode quedar fora do novo escenario de transformación e consolidación dun novo modelo de atención primaria máis proactivo e con maior vocación comunitaria.

Por outra banda, os populares tamén aproveitaron para presentar outra moción na que reclaman ao Goberno Central a facilitar unha mellor cobertura do persoal médico na atención primaria a través, dixo Lorenzo, entre outras cousas, dunha convocatoria extraordinaria de prazas MIR que permita incorporar mais profesionais.