A corporación municipal carballesa celebra este luns o pleno ordinario do mes de abril. O Partido Popular de Carballo presentará tres rogos correspondentes a diferentes problematicas existentes no termo municipal.
O primeiro rogo vai dirixido á solicitude de máis presenza policial no entorno dos centros de ensino, sobre todo á entrada e saída das clases, logo de diferentes liortas entre estudantes o pasado día 12 no instituto Monte Neme, con varias persoas implicadas, e tamén o pasado día 15 no Alfredo Brañas, proximidades a este centro tivo lugar un tráxico suceso violento co resultado da morte dun veciño, que varios estudantes do centro presenciaron. Ademáis esta mesma semana tívose coñecemento do atropelo, por sorte sen consecuencias graves, dun neno usuario dunha escola infantil ubicada nese entorno.
Desde o PP local tamén se fan eco, nun segundo rogo, de numerosas queixas -reiteradas- do estado de abandono en que se atopan moitas das pistas e camiños municipais polas diferentes parroquias, que segundo afirman os populares «contrasta co mantra que a diario se repite desde o Concello, de que se desbrozan unha vez ao ano».
Ademais, o Grupo Municipal do Partido Popular de Carballo tamén presentará un terceiro rogo relativo á falta dun plan municipal de mantemento de estradas non urbanas, polo que moitas delas se atopan nun estado «intransitable e perigoso para turismos e peóns«, con grandes fochancos e furados. Nomeadamente están as estradas que unen o lugar de Queo co Polígono de Bértoa. En Artes, a carretera dirección ao campo de fútbol polo Picoto, ou a que transcurre desde Vilar de Francos a Sofán pola Ponte Nova.

.