O PP carballés urxe ao Concello que presente un proxecto para reformar a Avenida de Fisterra

1 minutes read
  • Os populares indican que o Goberno local minte aos veciños facéndolles creer que as competencias son autonómicas

O grupo do Partido Popular no Concello de Carballo censurou este mércores a través do seu portavoz, Rubén Lorenzo, que o Goberno local non asuma as súas competencias no mantemento das beirarrúas e os servizos da Avenida de Fisterra e trate de «confundir os carballeses» responsabilizando á Xunta de Galicia dunha actuación que non lle corresponde levar a cabo.

«Non asumir a responsabilidade como Goberno está mal, tratar de enganar á xente con mentiras é aínda máis grave», apuntou Lorenzo, quen ademais explicou que o executivo autonómico ten a competencia en canto ao firme do tramo urbano desa vía aínda que é o Concello quen debe facerse cargo do resto de mantementos.

Nesta liña, os populares subliñaron que desde a súa formación levan máis de dous anos urxindo a que o executivo local presente á Xunta de Galicia un proxecto de reforma integral deste tramo de vía. Un feito, explicou Lorenzo, que a día de hoxe non se levou a cabo e que provoca que «os veciños desta zona teñan que sufrir a falta dun espazo seguro para transitar pola rúa ou vexan obrigados a sortear infinidade de barreiras arquitectónicas».

Sobre este asunto, o portavoz popular subliñou que desde o executivo autonómico hai «toda a vontade do mundo» para colaborar co concello carballés, pero insistiu en que para iso é necesario que o Goberno local presente un proxecto de reforma. «A Xunta comprometeuse a asinar un convenio de colaboración para rehabilitar a avenida e logo cederlla ao Concello de Carballo igual que fixo noutros municipios, pero, desde entón, non tivo noticias do consistorio», lamentou o voceiro popular.