O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña mantivo unha videoconferencia cos rexidores da súa formación na que lles trasladou o seu agradecemento polo compromiso que están a demostrar cos problemas e as necesidades dos seus veciños, e na que puxo en valor o traballo e as iniciativas que desenvolveron en cada un dos seus municipios desde que se decretou o estado de alarma por culpa da pandemia de COVID-19.
O líder dos populares na provincia, Diego Calvo, aproveitou o encontro telemático, no que tamén participaron o secretario xeral Miguel Tellado e o vicesecretario de organización e territorio, Evaristo Ben, para escoitar e tomar nota das dificultades con que se atopan os rexedores e, sobre todo, para poñer en común posibles solucións a diferentes cuestións que afectan ao presente e ao futuro de cada concello.
Durante a charla, Calvo subliñou como exemplos de boa xestión os teléfonos de información de 24 horas que concellos como o de Tordoia, Cabana de Bergantiños ou Padrón puxeron ao dispor dos seus veciños para resolver calquera dúbida que teña que ver co COVID-19. Esta mesma liña, o popular eloxiou o plan económico desenvolvido polo goberno municipal de Arteixo para evitar ERTES nas empresas locais ou as axudas de ata 100.000 euros posta ao dispor do pequeno comercio de Ribeira. Ademais, o líder provincial resaltou tamén a anulación do pago de recibos e taxas municipais adoptada pola inmensa maioría dos concellos ou os traballos de confección de máscaras como o taller posto en marcha en Laxe.
No aspecto de coidados, Calvo detívose no programa de atención a maiores desenvolvido en Vilarmaior, Aranga, Frades, Boimorto, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Touro, O Pino ou Laracha, na repartición de alimentos e medicinas a domicilio posto en marcha en Coristanco, Lousame, As Somozas, Irixoa, Vilasantar ou Oza-Cesuras, así como nas actividades culturais e deportivas para desenvolver en casa deseñado en lugares como Mugardos, Ordes, Porto do Son, Abegondo ou Curtis.